29 oct 2010

Lecturas para o Samaín

Boas a tod@s, como cada venres recomendámosvos lecturas; e como esta semana estivo marcada pola celebración do Samaín fixemos unha selección de títulos relacionados con esta data. Como puidestes comprobar no expositor da biblioteca puxemos unha serie de libros -que voaron, por certo- con esa temática; entre eles estaban:
- El extraño caso de la noche de Hallowen (Gerónimo Stilton)
- El fantasma nocturno
- La momia misteriosa
- Fastasmas no corredor
- Os Bolechas teñen medo
- Mamasiña, que medo!
- Babayaga
- Un brujo de segunda

Seguro que os afortunados/as que se adiantaron a collelos terán unha noite de Samaín xenial e....terrorífica!!
Deica logo!

28 oct 2010

Conta atrás para o Samaín


Ola a todos! Só quedan uns días para celebrar o Samaín. O cole está cheo de pantasmas e cabazas grazas á vosa colaboración. O equipo da biblioteca tampouco quere quedarse atrás así que o enlace de hoxe vai adicado ao Samaín.
Atopamos no blogue "O recanto de Mik" unha selección de recursos feita polo CEIP Victor Sáenz: información sobre as orixes do Samaín, xogos para comprobar os vosos coñecementos, cancións en distintos idiomas relacionadas ca temática, debuxos...Hai para todos os gustos! So tedes que premer na imaxe para ter acceso aos recursos.
Antes de despedirme aproveito para anunciaros que mañá a recomendación da semana será unha selección dos mellores libros de medo, bruxas, pantasmas...que hai no cole. Estarán no expositor á entrada da biblioteca listos para que os levedes prestados para ler estos días na casa.
Lémonos!

26 oct 2010

Unha semana difícil

Como estamos?
Non ter internet no colexio está a supoñer un verdadeiro problema para o desenvolvemento normal do blogue, por causa da nosa "desconexión" estanse a ver alteradas as nosas seccións habituais.
De todas formas, podo informarvos dos empréstitos da semana pasada, que foron 165, unha cifra decente pero insuficiente para nós.
Dicirvos tamén que o número dous das Donticias está a piques de ver a luz, o próximo martes estará xa polas aulas e polos andares.
Unha aperta e a seguir preparando o Samaín!

Cambio de plantilla polo Samaín

Con motivo da celebración do Samaín decidimos "tunear" o fondo do noso blogue para darlle un aspecto máis acorde con esta data.
Esperamos que vos guste e xa sabedes, podedes facer os vosos comentarios, se cabe algún propón esta cor como definitiva...

25 oct 2010

O Museo do Conto continua...

Ola a todos!
Que tal a fin de semana? Espero que ben. No cole seguimos sen internet e esperamos que ao longo desta semana se solucione o problema para que podades visitar o blogue dende o centro, entre outras cousas, claro.
A visita de Anxo Fariña foi un éxito e os seus libros non paran de cambiar de mans: tan pronto os devolven xa hai quen os quere levar. Visitáchedes xa o blogue dos megatoxos?
Os máis avispados seguro se decataron de que o museo mudou de ubicación. Agora se atopa no outro lado do corredor, frente as escaleiras do 2º ciclo. Tamén é máis pequeno: só aparecen os obxectos e os contos correspondentes. No frontal colgamos as solucións ao concurso 1, en galego e castelán.
Para os que vos preguntades que pasa co concurso 2, tranquiliños, que non o esquecemos. O concurso empezou hoxe e remata este venres. As plantillas de participación as teñen os profes de idiomas (Esteban e Marco -as de inglés- e Anxo as de francés) e as cubriredes nas súas clases. No de inglés participará o alumnado de 2º e 3º ciclo e no de francés só o de 3º ciclo. Unha vez rematado o concurso faremos un sorteo entre os acertantes para a entrega de agasallos.
O equipo de biblioteca agradece a masiva participación no concurso e a implicación de titores e especialistas neste proxecto.
Lémonos!

22 oct 2010

E Anxo Fariña pasou polo cole...

Foron dúas charlas, apenas dúas horas escoitando a un excelente profesional, a un gran comunicador, a un mago do "rotulador", a un Megacrack como Anxo Fariña.

Na primeira charla os nenos e nenas do segundo e terceiro ciclo puideron aprender como un creador chega á súa obra, un proceso tan sumamente coidado e meditado que fai que nada quede ao azar. Escoitaron tamén que a imaxinación necesita adestramento, e que éste pode chegar a través da lectura. Como non, deleitounos coa súa habilidade para debuxar, deixando un par de agradables recordos para o cole. Por certo, será Alberto o próximo personaxe dos Megatoxos?


O segundo auditorio era moito máis esixente, nada máis e nada menos que os nenos/as de Infantil e do Primeiro Ciclo, e claro, aquí Anxo necesitou da maxia; esa maxia que lle sae das mans a través desa variña tan especial (rotulador). Nun man a man graciosísimo con Álvaro conseguiu ensinarnos como un neno pode entrar nun conto. Para rematar, Yara convertiuse en serea nun abrir e pechar de ollos.
En definitiva, unha xornada difícil de esquecer. Grazas Anxo.

A recomendación da semana é...Anxo Fariña

Moi boas! Na seguinte entrada falarei da visita de Anxo Fariña pero agora, aproveitando que é venres e toca recomendación literaria imos aconsellarvos a obra completa deste escritor e ilustrador.
Para os máis pequenos temos as historias dos Pelelliños, de Antón e Pompón, a Monstroescola...logo temos aos Magos das Formas, a Don Quixote e Breogán, O Ladrón de Palabras ou Xabi non pode durmir. Non, non me esquecín, para os maiores temos os Megatoxos, eses mozos que viaxan no tempo para curar a súa mutación xenética. Esta última colección ten un blogue máis que interesante, chámase http://megatoxos.blogspot.com/ . Nel terás toda a información que buscas e todas as novidades.
Xa o sabes, non tes disculpa, sumérxete no mundo de Anxo Fariña.

21 oct 2010

Coidados na rede

Boas amig@s!
Como cada xoves toca aconsellarvos un link. Esta semana decidimos escoller un sobre as redes sociais e outras páxinas de gran aceptación en internet. Na vida actual é moi frecuente -case creamos unha dependencia- pasar horas diante do ordenador conectados ás diversas redes sociais.
Para que coñezas certos consellos entra en http://www.deaquinopasas.org/ e así evitarás certos perigos aos que estás expost@.

Un saudiño e lembra que mañá é o gran día, visítanos Anxo Fariña!

19 oct 2010

Dontest de Mireia

Moi boas! A pesar de que está a rematar o día -estamos sen Internet no cole- non vos ía seixar sen o Dontest. Mireira, profe de 1º, accedeu a contestar as nosas preguntas, velaí tes as respostas:
 
1. Lembras quen te ensinou a ler?
Non o lembro

2. Cal foi o primeiro libro que liches?
Tampouco o recordo
3. Cal é o teu libro favorito?
 Non teño libro favorito, pero un dos que máis me gustou foi  Cazadores de Mamuts.
4. E o teu autor preferido?
Gústame Isabel Allende, Carlos Ruiz Zafón, Lucía Etxebarría...non teño autor favorito, hai moitos que me gustan.
5. Cal é o último libro que liches?
Algún sobre maternidade, creo que Lactancia Materna de Carlos González, pero a verdade, hai tanto...
6. Cantas horas les á semana?
Agora case non leo
7. Agora estás a ler...
Empecei a ler Inteligencia Emocional pero aí quedou, igual que Pequeñita ou Chiquitita, xa non me acordo.
8. Para rematar, un lugar e un momento para ler.
Na cama ou no sofá, cando todo esté en silencio.
 

Recursos didácticos: O Samaín


Ola a tod@s!

Hoxe estreamos a sección de "recursos didácticos", de carácter puntual, dirixida a facilitar o traballo aos docentes do centro.
Con esta sección o equipo de biblioteca pretende escoller aqueles recursos de maior calidade que se atopen na rede e poñelos a disposición das nosas compañeiras e compañeiros da forma máis sinxela posible: accedendo a eles a través do noso blogue.
Nesta ocasión a sección adícase ao Samaín. Aínda que faltan uns días para a súa celebración coidamos que é necesario colgar xa os recursos para que lles podades votar unha ollada e, se cadra, ir seleccionando aqueles que vos resulten máis interesantes.
No estupendo blogue "O recanto de Mik" atopamos un enlace á selección completísima que elaboraron @s compañeir@s do CEIP Victor Sáenz, con actividades de todo tipo e para todas as idades. Premede na imaxe para ter acceso aos recursos.
Esperamos que sexan do voso agrado.

Ata a próxima!

18 oct 2010

Semana nova...con moita actividade!

Como resultou a volta ao cole despois da fin de semana? Espero que con ganas porque temos unha semana do máis completo.
Seguimos co Museo do Conto Interactivo, vaise esgotando o plazo para atopar as respostas, seguimos coa actividade no blogue e remataremos -como ben anunciou onte lygrove- coa visita de Anxo Fariña, un auténtico crack que nos deleitará coas súas ilustracións.

Comezamos; a semana pasada houbo unha "recesión" nos empréstitos, quedamos en 155, así que a poñer as pilas de novo e remontar o voo.
O que si que temos que destacar e que chegamos ás 6000 visitas, quen nos ía dicir hai un ano que chegariamos a elas...buff!
Para rematar, mañá temos o Dontest doutra profe das "novas", o mércores alguén nos contará algo, e xoves e venres seguiremos aconsellando webs e libros.
Como ves, non paramos, deica!!

ANXO FARIÑA VISITA O COLE


Ola a tod@s! ¿Sabedes que este venres celebramos o día da Biblioteca? Para esta conmemoración contamos este ano cun convidado moi especial: o famoso autor e ilustrador Anxo Fariña. A partir das 9.30 terán unha cita con el os alumnos e alumnas do 2º e 3º ciclo. A partir das 10.30 chegará a quenda do 1º ciclo e infantil.
Se queres saber máis do noso convidado preme na imaxe. Deste xeito accederás ao traballo que o equipo de biblioteca do CEIP A PEDRA colgou na rede con motivo da visita de Anxo Fariña ao seu centro. Tamén podes ler unha entrevista co autor no periódico "La región"

15 oct 2010

Charlie e a fábrica de chocolate, recomendación da semana


Esta semana recomendamos Charlie e a fábrica de chocolate e a súa continuación Charlie e o ascensor de cristal, do gran autor autor Roal Dahl.
Se queredes saber máis do autor premede na ilustración.
" O señor Willy Wonka, xenio da fabricación de lambonadas, agacha cinco billetes dourados nos envoltorios das súas chocolatinas. O premio é visitar a súa misteriosa fábrica. Charlie Bucket atopará un dos billetes afortunados. A visita á fábrica mudará a súa vida para sempre..."
Animádevos! podedes atopalos na biblioteca na sección 846- narracións fantásticas, do 2º e 3º ciclo.

Os "ananos" de Infantil

Neste curso de conto os nenos e nenas de Educación Infantil decidiron retratarse e escolleron o conto de Brancaneves e os sete ananiños para decorar o seu andar. A continuación mostramos as imaxes que certifican ese duro traballo.

 
En canto teñan rematado o traballo mostraremos as imaxes ao mundo para queden abraiados. Lémonos!

14 oct 2010

De conto en conto

Ola a tod@s!
No blogue cumplimos as nosas promesas así que como é xoves toca recomendaros algún enlace. Nesta ocasión atopei dúas páxinas chulas relacionadas co PDI deste curso.
Na web "cuentos para chicos" hai dúas seccións, unha en español e outra bilingüe (español/inglés) onde atoparedes cancións, contos en varios formatos (audio, video...), obras de teatro, etc.
En "grimmstories" podedes atopar os contos dos irmáns Grimm en diferentes idiomas. Só tedes que buscar o conto no listado e seleccionalo, e logo facer click no idioma no que o queredes ler. Que máis se pode pedir?
A disfrutar dos contos!

O Museo do Conto

Tal e como avanzamos no primeiro número das DONTICIAS, o equipo da biblioteca preparou a exposición "O Museo do Conto". Nel atoparás unha selección de libros de contos clásicos e modernos da nosa biblioteca.
Ademáis, en exclusiva, contamos con obxectos pertencentes a contos moi coñecidos. O noso museo é interactivo, o que significa que de agora en diante vos esperan moitas sorpresas.
A primeira é o concurso número 1; nel terás a oportunidade de amosar canto sabes de contos e averiguar a cal pertencen os citados obxectos. Tedes de plazo de entrega ata o xoves 21, o venres 22 colgaremos as solucións.
Entre os acertantes sortearemos agasallos. Lémonos!

13 oct 2010

Que me conta....Quico?

Esta semana tócalle a Quico contarnos algo. Estar medio día entre libros -más de medio día, mellor dito- fai que a súas respostas sexan distintas e ábrenos a posibilidade de coñecer contos que ao mellor non son tan "famosos". Observa:
 Cal é o teu conto favorito?
- Egidio, el granjero de Ham, de J.R.R. Tolkien. Sei que non é un conto moi coñecido, pero, para remedialo, estoullo lendo aos nen@s de 5ºB

Que personaxe de conto che gustaría ser?
- Precisamente Egidio; sempre me encantou esa actitude de ser un heroe ao seu pesar. Unha persoa normal envolta nunha gran aventura sen buscala.

Que final de conto cambiarías?
- Pinocho, aínda que non é un conto no sentido estricto da palabra, na adaptación para nenos pequenos podémolo considerar así.
Creo que Gepetto debería poñerlle unhas orellas de burro a Pinocho e deixalo na casa castigado uns días, e dicirlle: "Burriño, que era unha broma".
Tamén é broma o que acabo de escribir. Os contos para nenos/as deben ter un final feliz, aínda que empalague.

11 oct 2010

Outubro, mes das bibliotecas escolares

Amig@s, aquí tedes este cartel conmemorativo para "honrar" ás bibliotecas escolares. Que por que ve a luz agora? Moi sinxelo, o mes de outubro está dedicado a nós, a tod@s os que formamos as bibliotecas escolares.

Volvendo á nosa biblio en particular comentarvos que a semana pasada xa resultou do meu gusto porque....REALIZAMOS 196 EMPRÉSTITOS!! Xa estamos outra vez rondando esa máxica cifra dos 200, temos que seguir nesta liña.

E para rematar con máis cifras, estamos a piques de chegar ás 6000 visitas no blogue, algo impensable para nós hai un ano, cando comezou a nosa andadura.
Un saúdo e feliz día do Pilar!

8 oct 2010

Venres, día de recomendación

Despois do "post" extra polo premio Nobel volvemos para facervos unha recomendación.
A Sombra dos Anacardios é un excelente libro cunha temática social, ambientado en Guinea Bissau. No blogue de Anxo e de Gracia, Trafegando Ronseis, fálanos máis profundamente deste libro, preme no debuxo para acceder a el.

Lémonos! Pasade unha boa fin de semana!

Vargas Llosa, un Nobel merecido

Boas amig@s!
Onte anunciouse o gañador do Premio Nobel de Literatura e non foi outro que o peruano Mario Vargas Llosa, un dos máis importantes escritores en lingua española. Despois dunha longa e exitosa carreira con obras como La casa verde, Pantaleón y las visitadoras ou a máis reciente El sueño del celta, o escritor ve recompensado o seu traballo con esta distinción. Parabéns!


(preme na imaxe do autor para saber máis sobre el)

7 oct 2010

Mamá, papá... contádesme un conto?

Que tal amig@s?
Xa estamos a xoves e toca aconsellarvos un enlace. Neste caso é un artigo dunha das páxinas que temos á dereita do blogue, Laboratorio de Lectura.
Neste caso vai máis pensando nos vosos pais, e se o len terán a posibilidade de ver trucos para contarvos un conto con brillantez. Ademais ven acompañado dun par de vídeos de exemplo. En fin, para ver e non perder detalle.
Lémonos!

(Preme na imaxe para ir ao enlace)

6 oct 2010

Que me conta...Lydia?

Estamos outra vez de estrea, neste caso comezamos a sección "Que me conta...?"; nela persoas relacionadas co centro contestarán tres preguntas moi simples relacionadas cos contos.
A primeira en contestar é Lydia, mestra de Audición e Linguaxe do cole. A ver que nos conta:

Cal é o teu conto favorito?
- Aladino e a lámpada marabillosa. Un obxecto vello que resulta ser máxico, un meigo malvado, unha historia de amor, que máis se pode pedir?

Que personaxe de conto che gustaría ser?
- A fada madriña. Non sempre o que desexamos é o que realmente necesitamos, así que como fada intentaría dar resposta ás necesidades que ten a xente, aínda que ás veces non coincidisen cos seus desexos.

Que final de conto cambiarías?
- Eu cambiaría o final do conto O parrulo feo. Penso que os outros parrulos deberían aprender a aceptalo porque ser diferente non significa ser mellor nin peor.

5 oct 2010

Brancaneves era Patricia

O primeiro Dontest deste curso pásao a mestra dos máis "ananiños" do cole. Os nenos/as de 3 anos teñen en Patricia a súa Brancaneves particular. Aí van as súas respostas: 




1. Lembras quen te ensinou a ler?
Aprendín a ler cun mestre que se chamaba Juan Carlos
2. Cal foi o primeiro libro que liches?
A verdade non recordo cal foi, pero si lembro un que lía moito chamado Paula y Elefantito,  encantábame.
3. Cal é o teu libro favorito?
Gustoume moito Los Pilares de la Tierra.
4. E o teu autor preferido?
Non teño ningún autor/a destacado, leo segundo a temática do libro.
5. Cal é o último libro que liches?
La oreja verde de la escuela, de Carmen Díez Navarro
6. Cantas horas les á semana?
Depende, teño épocas nas que leo máis e outras menos, pero máis ou menos 5-7 horas á semana
7. Agora estás a ler...
El presente, de Spencer Johnson
8. Para rematar, un lugar e un momento para ler.
Sen dúbida o sofá coa manta nas tardes de choiva e a praia no verán.

4 oct 2010

Resultados semanais

Xa vos dixen que foran mellores, subimos ata 170 empréstitos, pero aínda queremos máis!
Seguen sen despegar as visitas á biblio polas tardes. A semana pasada únicamente unha persoa levou un libro prestado nesa franxa horaria.
En breve expoñeremos Novidades, seguro que chaman a vosa atención e aumentan as visitas.
Ata mañá!

PD: aínda espero as vosas opinións sobre as Donticias!

Axenda da semana

Queridos blogueir@s, comeza unha semana cargadiña de contidos. En primeiro lugar darémosvos a coñecer os datos de empréstitos da semana pasada, creo que foron mellores cos da anterior, así o espero.
Dontest: mañá teremos o primeiro do curso, e xa que é un curso de contos tócalle a Brancaneves, sempre rodeada de "ananiños", quen será?
Que me conta...?: o mércores outr@ mestre/a aparecerá no blogue, esta vez para contarnos curiosidades sobre os contos.
Un enlace: o xoves darémosvos a opción de entrar nun enlace interesante.
Un libro: O venres -o día dos estreos de cine- aconsellarémosvos un libro, será unha recomendación para que empreguedes o voso tempo de lecer na fin de semana.
Como vedes, non perdemos o tempo, lémonos!   

2 oct 2010

FACÉDELLE CASO AO XENIO

Contan que a Albert Einstein, premio Nobel de Física e pai da Teoría da Relatividade, se lle achegou unha nai para pedirlle consello:
- ¿Que lle debo ler ao meu fillo para que mellore en matemáticas e no futuro sexa un home de ciencia?
- Contos _ contestou Einstein.
- Moi ben _ dixo a nai_ . Pero, ¿que máis?
- Máis contos _ replicou Einstein.
- ¿E despois? _insistiu a nai.
- Ainda máis contos _ concluiu Einstein.

Así que xa sabedes, facédelle caso ao xenio!
(Anécdota recollida e traducida do blogue O mundo dos contos)

1 oct 2010

Primeiro número das "Donticias"

Xa está a circular o primeiro número das Donticias, quentiño, recién saído da imprenta!
Chegou o momento, nace o xornal da biblioteca, este 1 de outubro, o mes das Bibliotecas Escolares, aquí podes ver o primeiro exemplar.

Espero con ansiedade a vosa valoración desta nova idea, lémonos!