Para saber máis |
Agustín Fernández Paz foi nomeado doctor honoris causa pola Universidade de Vigo.
O autor de múltiples libros para a infancia e a mocidade, o
dinamizador de movementos de renovación pedagóxica e defensor da
lingua, ve así recoñecida a súa achega á cultura e ao saber deste país.
Conta con numerosos premios entre os que destacan o Nacional
de Literatura Infantil por "O único que queda é o amor", o Lazarillo por
"Contos por palabras",o Edebé infantil con "A escola dos piratas" e o
xuvenil por "Trece anos de Branca", o Merlín por "As flores radiactivas", o
premio Rañolas por "Cartas de inverno" ...
Os seus libros están traducidos a múltiples idiomas.
A súa
voz chega cada vez a máis lugares.
Dende a biblioteca queremosvos recomendar algún dos seus libros. Podedes pedir emprestados:
Frente á casa de Raquel inaugurouse un gran supermercado, do que non para de entrar e sair unha marea constante de persoas. Ninguén se percata do home que pide na porta, como se fose invisible. Pero Raquel comeza a falar con él.
Desterrar algúns medos infantís adoita ser complicado, sobre todo se non teñen outra causa que a imaxinación inesgotable dunha nena. Mariña, a protagonista desta historia, está convencida de que o longo e escuro corredor da súa casa se encontra invadido por unhas estrañas sombras que durante o día viven no interior das paredes, mais que saen delas en
canto chega a noite. Ninguén na súa familia a cre, polo que Mariña terá que esforzarse en conseguir probas que lle dean a razón.Con este relato, centrado nun problema do ámbito cotián, o autor trata de conxurar un dos medos máis frecuentes na nenez: o temor á escuridade, sempre poboada de ameazadores perigos. A historia desenvólvese a través dun texto sinxelo e ben resolto, sempre baixo un enfoque no que predomina o humor.
Unha vez instalados na nova vivenda, comezan a se producir misteriosos sucesos, que afectan sobre todo á vida de Marta. A nena acabará descubrindo que no edificio habita un ser invisible, co que se pode comunicar a través do ordenador. Un fantasma con raros poderes, condenado a permanecer na mansión ata que esta sexa destruída.
Malos tempos para os fantasmas é unha novela de misterio que, axudándose do humor, nos achega ás dificultades que supón enfrontarse a múltiples cambios (de cidade, de colexio, de compañeiros, de afectos…) nos anos en que se abandona a infancia e comeza a adolescencia.
Dona Rosa vendeu as súas propiedades a uns señores, que queren destruír a carballeira para construír edificios. Iso si, se o consenten, os seres fantásticos que habitan no bosque desaparecerán. Ti tamén podes ser un bo gardián da natureza, se coidas dela.
Unha novela centrada na amizade que manteñen Diana, unha nena de oito anos, e Goewin, unha pequena fada verde, a única da súa especie que sobrevive a un terrible incendio que arrasou o bosque onde vivía coas súas irmás, encargadas de protexer o lugar. A nena axúdalle á fada a recuperarse, para que poida seguir co seu traballo de preservación da natureza, aínda que iso signifique que ao final teñan que separarse.
A narración conta con importantes elementos simbólicos. O fada identifícase coa natureza cuxa conservación está ameazada por escuros intereses, ademais de representar a necesaria pervivencia do mundo da fantasía e a imaxinación. Diana encarna unha esperanzada proposta de futuro: un mañá mellor para todos.
O doutor Nogueira é un extravagante inventor que traballa arreo no seu laboratorio para conseguir que a infelicidade desapareza do planeta. Ao ser perseguido e ridiculizado polos seus compañeiros de profesión, debe traballar na clandestinidade coa única axuda da súa axudante, Rosa Novoa, que decide deixar testemuño das investigacións do doutor para que as coñezan as xeracións futuras.
Novela que aborda un tema fantástico formulado en clave de humor, cunha ácida parodia dos códigos que rexen o mundo actual.
Raquel ten nove anos e vive na cidade. Un día vai coa súa clase de excursión ao bosque das Fragas do Eume. De regreso na casa, descobre abraiada que se lle coou na mochila un ser vello e diminuto. É Derdrín, un trasno de máis de trescentos anos, que habitaba na fraga e non quería pasar o inverno só. Dille á nena que unicamente precisa conversación e algo de comida. Raquel acepta que se converta no seu hóspede secreto e ofrécelle para durmir a caravana das barbies.
A novela é a crónica dos meses que pasan xuntos, durante os cales Derdrín exercerá unha influencia moi grande na vida da nena, tanto no ámbito familiar como na escola. Unha historia tenra e cargada de humor, que reivindica a necesidade da fantasía e, tamén, a importante función que cumpren os antigos mitos en calquera sociedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario