29 abr 2011

Sorteo de Mochila

Boas! Hoxe traio importantes novidades para tod@s os que colledes libros emprestados da nosa biblioteca.
Cada vez que leves un libro deberás cubrir un papeliño cos teus datos para entrar no sorteo dunha mochila como a que ves na imaxe.
Cada venres sortearemos unha, así que non debes desanimarte se non che toca á primeira.
Xa sabes; un libro, un papeliño....así que cantos máis libros leas máis opcións terás!!

27 abr 2011

Celebración do Día do Libro

Xa que este ano o Día do Libro coincidiu en sábado, e ademais en período vacacional non nos quedou máis remedio que buscar unha data alternativa para conmemorar tan sinalada data.
Así que escollemos este mércores 27 como día para que os nenos e nenas do Rosalía celebrasen como se merece este Día do Libro.
Este ano variamos a celebración e no canto de facer un acto con entrega de premios nos decantamos pola presenza dunha contacontos -Marta- que fixo as delicias dos nenos e nenas.
Cunha caracterización singular e cunha gran variedade de obxectos e de rexistros -demostrou ser moi polifacética- conseguiu a atención dun auditorio entregado que se por momentos asombrouse , riu e soñou grazas a Marta. Un gran día.

E as palabras floreceron


Durante as últimas semanas estivemos levando a cabo a actividade "Florecen as palabras".
Coa chegada da primavera pensouse en encher os corredores con flores coloreadas polos alumnos, pero con unha peculiaridade, debían ter escrita a súa palabra favorita.

E nos corredores brotaron flores de todo tipo con esas palabras cun significado especial para os que as escribiron.As imaxes son unha mostra do resultado final.

26 abr 2011

Estamos de volta!

Boas dontiños! Canto tempo!
Espero que as vacacións foran proveitosas e que o tempo rendira o suficiente.
A semana anterior ás vacacións conseguimos chegar a esa cifra máxica dos 200 empréstitos, en concreto foron 201. Esperemos que ese tirón se manteña e que todos os que veñan devolver un libro collan outro emprestado.

Por outra parte seguimos a celebrar o Día do Libro e mañá teremos dúas sesións de contacontos para os alumnos/as de Educación Primaria, seguro que pasaremos un rato agradable!

14 abr 2011

Recursos para traballar o Día do Libro

Como este ano o Día do Libro -23 de abril- coincide en plenas vacacións de Semana Santa imos colgar hoxe enlaces con recursos para traballar a celebración deste día.
Unha vez máis recurrimos aos nosos amigos do Recanto de Mik, que elaboraron unha páxina con enlaces para traballar.
Poderás acceder a ela premendo na imaxe da esquerda.

11 abr 2011

Mes do libro

Boas dontiñ@s!
Xa sei que a semana pasada fixemos 170 empréstitos, que non está nada mal, pero creo que esta imos romper todos os rexistros.
Todos aqueles que leven libros prestados no que queda de mes levarán un agasallo -marcapáxinas-. O primeiro día foi hoxe e a respostas non se fixo esperar, 48 empréstitos no recreo.
Ímonos lendo o resto da semana!

8 abr 2011

Fina Casalderrey, recomendación da semana

Esta semana unimos a recomendación web e a do libro.
Aproveitando a visita de Fina Casalderrey ao cole poñemos aquí o seu enlace web para que poidades saber máis sobre esta escritora de Xeve (Pontevedra)
Non tedes máis que premer na imaxe para acceder ao mundo Casalderrey. Entrade.

7 abr 2011

Visita de Fina Casalderrey

Fina Casalderrey anima á lectura con cada libro que publica, pero non contenta con iso hoxe visitou o noso colexio para falar cos alumn@s de terceiro e cuarto de primaria.
Estes nenos e nenas xa a coñecen de sobra, xa que están disfrutando da lectura do seu libro Ás de mosca para Anxo.
Ao rematar a charla, Fina asinou e dedicou persoalmente o seu libro a cada un dos rapaces. Aquí uníronse os alumnos e alumnas de 5º, que marcharon encantados coas dedicatorias da escritora.
Por todas as obras que publicas, pola túa amabilidade e pola túa vista, grazas Fina!

5 abr 2011

Celia Forte responde a Donte

Compaxinar deporte e estudos é algo xenial. Celia é un exemplo, boa xogadora de baloncesto, boas notas...e algo de tempo libre para ler. Vexamos as súas respostas:

1. Lembras quen te ensinou a ler?
- A miña mestra e os meus pais.
2. Cal foi o primeiro libro que liches?
- Brancaneves e os sete ananiños
3. Cal é o teu libro favorito?
- Brujas y Hechizos
4. E o teu autor preferido?
- Sebastien Perez
5. Cal é o último libro que liches?
- Tea Stilton: La montaña parlante
6. Cantas horas les á semana?
- Unhas 4 horas
7. Agora estás a ler...
- Tea Stilton: Aventura en Nueva York
8. Para rematar, un lugar e un momento para ler.
- Pola noite, na cama

1 abr 2011

Que fai falta?


Ola a dontiñ@s! Nun dia tan soleado coma hoxe apetece aproveitar a tarde fóra da casa, verdade? Pero iso non significa que non podades deixar uns minutiños para o mellor entretemento do mundo: A LECTURA!

Coma todos os venres hoxe é dia de recomendación lectora. Nesta ocasión aproveitamos para recomendar "Que fai falta?" do gran Gianni Rodari, que podedes atopar na nosa biblio. Neste libro o autor pregúntase que fai falta para chegar a facer algúns obxectos cotidianos e... se queredes saber máis xa sabedes o que hai que facer.


Aproveitando o título do libro, déixovos unha pregunta para darlle ao coco, a ver se alguén e quen de resolvela!:


QUE FAI FALTA PARA ADORNAR O COLE NO MES DO LIBRO?