21 ene. 2016

RECURSOS PARA A PAZ

Nestes días para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e a  Paz, lembramos que Mamá Cabra e Carmen Gil acaban de publicar o libro-disco A bruxa Discordia. Cancións para a paz na coleccción Sonárbore da Editorial Galaxia. As ilustracións son de Iria Fafián.

Galaxia explica que, no contexto social actual, A bruxa Discordia constitúe un álbum ateigado de valores positivos pensado e desenvolvido tendo en conta as necesidades dos nenos e nenas. Mensaxes como a importancia de compartir, de respectar ao próximo ou de convivir en harmonía escritas na súa propia linguaxe e transportadas a través dun dos vehículos máis eficaces: a música.
Material ben acaído para os primeiros lectores e para acompañar no Día da Paz.
Velaquí unha mostra das cancións que inclúe o libro-disco:


Baile da paz

Esta é a danza
da esperanza,
danza capaz
de sementar paz.

Ombro con ombro
pódese todo.

Dá un taconazo.
levanta o brazo
e con donaire
dálle ao cú aire.

Colle a orella
da túa parella.
Faille cóxegas.
Ponte en crequenas.

Esta é a danza
da esperanza,
danza capaz
de sementar paz.

Agora dá un brinco,
ou mellor cinco!,
e tres palmadas
con gargalladas.

Logo ao compás
anda cara atrás.
E cara adiante,
coma un xigante.

Pinta un momento
paz no vento.
Grita un segundo:
"paz no mundo"

O PAÍS DAS ANDAVIRAS

 A editorial Sotelo blanco vén de publicar na súa colección Bolboreta, O país das andaviras, libro de poemas de Xoán Babarro e ilustrado por Viki Berre.
Poesías sobre paxaros e outros seres voadores da nosa fauna: merla, paspallás, galo, perdiz, lavandeira...acompañadas de ilustracións cheas de cores.
Dirixido aos primeiros lectores de Educación Infantil e 1º ciclo de primaria, este pequeno catálogo de aves é unha achega á poesía, ben para ler, recitar ou recrear.

O país das Andaviras

É un soño de sabores.
O arrecendo de todas as flores.

O ronsel dun bergantín. 
O que cabe no teu e no meu maxín. 

Un chapeu 
en cada flor de romeu. 

Un beixo 
en cada seixo.

Un son harmonioso
semellante ao país noso.

E mil unha andaviras de cores 
pintando a terra de rumores.

SON UN ANIMAL


Xerais acaba de publicar os dous primeiros títulos da serie Son un animal, escritos por LLuis Llort e Salvador Macip, ilustrados por Sergi Cámara e traducidos do catalán por Eva Lozano Carpente.
No primeiro libro, Son un animal: unha viaxe inesperada, coñecemos a Armán e os seus pais científicos, a súa mascota e o singular país onde vive. Tamén descubriremos cal é o poder que o leva a vivir múltiples aventuras: transformarse no animal que toca.
En Son un animal: Armán e a fábrica podre, as amizades de Armán xunto con él aventúranse nunha historia para salvar a cidade e o planeta das industrias contaminantes, que producen graves danos ecolóxicos.
Indicados para lectores autónomos, Son un animal: unha viaxe inesperada e Son un animal: Armán e a fábrica podre, son uns relatos que mesturan aventuras, fantasía e humor. Neles atopamos valores como a amizade, a lealdade, a liberdade, e a defensa e protección do medio ambiente.
Libros que conforman series, tan do gusto do noso alumnado, ben valen para a Hora de ler ou para a lectura individual cun posterior comentario en grupo.

MÁIS INFORMACIÓN

14 ene. 2016

DE NOVO CON PACO NOGUEIRAS

O pasado martes os nenos de Ed. Infantil recibiron a visita do contacontos Paco Nogueiras que, como sempre, encheu a mañá de imaxinación e música.
Dende o blogue queremos agradecerlle a súa labor e facervos partícipes desta actividade.




13 ene. 2016

BENVIDOS AO NOVO ANO!!!

Para comezar o ano con boa letra podedes votar man de calquera dos libros que vos ofertamos na exposición de novidades.
Un saúdo e feliz ano novo dende o blogue de Donte!!!