25 sept 2014

PDI: DESCUBRIMENTOS, INVENTOS E EXPERIMENTOS

Como sabedes, tódolos anos levamos a cabo un Proxecto Documental Integrado, no que participan tódolos niveis do centro. Este ano, o PDI versará sobre: 

DESCUBRIMENTOS, INVENTOS E EXPERIMENTOS

Para iniciar esta labor na que estaremos a traballar todo o curso queremos propoñervos un concurso. No corredor do colexio podedes ver unha exposición de obxectos e libros que conteñen información sobre o tema proposto. A continuación incluimos unha mostra do cuestionario que teredes que completar para participar no concurso. Tomádeo moi en serio porque.... hai premio!!!!

17 sept 2014

NOVAS

Desde Fervenzas literarias:
"O Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia acaban de publicar, co gallo do 70 aniversario da edición do Sempre en Galiza, unha aplicación coa obra cumio de Castelao para dispositivos Android, Tablets e dispositivos móbiles.
A aplicación Sempre en Galiza está estruturada en diferentes apartados. Os usuarios que se descarguen a app terán acceso tanto ao libro completo como a contidos complementarios, como estudos sobre o proceso de elaboración, o pensamento político de Castelao e as ideas lingüísticas realizados por Alfonso Mato, Henrique Monteagudo, Ramón Maíz e Xusto Beramendi; os cadernos manuscritos; material sobre Castelao, que inclúe unha biografía, unha fotogalería e un interesantísimo video gravado por Elixio González en Bos Aires a partir de 1940.
Sempre en Galiza supón unha das obras máis importantes sobre a identidade galega. Publicouse no ano 1944 en Arxentina, país onde se exiliou Castelao tras o alzamento militar. O libro inclúe artigos, ensaios, conferencias, discursos xunto a material pensado especificamente para a obra por parte do político e escritor rianxeiro."
Aquí, na páxina do Consello, está o enlace para a descarga.

LECTURA DIXITAL


O Ministerio acaba de presentar a plataforma eBiblio para o préstamo de libros en formato dixital. 
Co carnet da biblioteca pública e un dispositivo (libro electrónico, tablet, smartphone...) os usuarios terán acceso a un catálogo de 1.500 títulos, por medio dunhas 200.000 licencias, de forma que se poderá prestar unhas 28 veces cada libro e ao longo de 21 días. 
As categorías incluídas nestes fondos son: «Ficción para adultos», «Ciencia e Tecnoloxía», «Ciencias Sociais e Humanidades», «Saúde, Desenvolvemento Persoal, Lecer, Deporte...», «Ficción infantil e xuvenil», «Non ficción infantil e xuvenil» e «Audiolibros».
A partir deste momento serán as comunidades autónomas as que engadan as obras propias a esta colección.

RECOMENDACIÓN LECTORA

De novo queremos recomendarvos novidades lectoras para que cada semana iniciedes unha nova experiencia!!!



Manual do bo paseante, subtitulado "Descrición en vinte puntos" do escritor catalán Raimon Juventeny, traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Factoría K

Un libro que ha de relacionarse co movemento slow,  porque é Carl Honoré, un dos teóricos desta filosofía e autor do libro Eloxio da lentitude quen o prologa pero tamén porque se presenta como "unha panorámica do devandito movemento aplicado a algo tan próximo e familiar como é o paseo, operativa tanto para recuperar ese pracer no caso que se teña perdido como para convencer, a quen non o practica, dos seus inestimables beneficios. 
Unha proposta articulada en vinte secuencias que ofrece unha sinxela terapia para combater présas e urxencias, se cadra para ver as cousas dun xeito diferente, e ofrecida nun soporte ben atractivo para todas as idades."
Este tempo aínda é unha boa época para a práctica, así que leamos para camiñar.


16 sept 2014

HOXE TOCA SER FELIZ


Un ano máis o colexio abre as súas portas para encherse novamente de vida!! 
Concretamente da vida que todos lle dades cando entrades correndo e falando polas súas portas, pero tamén das vidas e historias de tódolos personaxes que perduran pechados dentro dos libros e que son liberados cando abrides as súas páxinas.
Esperamos, polo tanto, que non deixedes de ler e darlle vida á nosa biblioteca. Como sempre Donte espéravos cargado de novas aventuras!!!
Unha aperta para todos dende o equipo de biblioteca e FELIZ CURSO 2014/2015.