19 nov 2015

20 DE NOVEMBRO, OS DEREITOS DA INFANCIA

No corredor principal podedes desfrutar dunha exposición de libros relacionados cos dereitos da infancia. Animádevos a velos e levalos emprestados!!!

LEDICIA COSTAS SEGUE COLLEITANDO RECOÑECEMENTOS

A literatura infantil e xuvenil en galego está de noraboa xa que Ledicia Costas foi galardoada esta pasada fin de semana co Premio Lazarillo 2015 pola súa novela xuvenil Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante. O premio foi  convocado pola Organizacion Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI) e conta co patrocinio do Ministerio de Educacion, Cultura e Deporte.

O xurado destacou da obra obra gañadora  que se trata dunha «novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben axeitada e unha linguaxe sinxela pero elaborada, que combina con precisión elementos da realidade e ficción e imprimíndolle un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura».
A novela publicarase en Xerais no 2016.

Os noso parabéns a Ledicia Costas por este novo recoñecemento. 

ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA.


A escritora Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).

Durante o curso 2014-2015 este libro foi recibido con entusiasmo polos lectores e lectoras das bibliotecas escolares  e os clubs de lectura de todo o país.

Parabéns a Ledicia Costas por este premio e á Literatura Infantil e Xuvenil galega por este novo recoñecemento.

12 nov 2015

QUINCENA DA BANDA DESEÑADA

Ao longo desta e a próxima semana teremos expostos, no corredor principal, unha morea de libros de banda deseñada. Os libros neste xénero literario soen ser de gran aceptación polo alumnado, polo cal vos animamos a pasarvos polo corredor, ver, tocar e levar prestado!!!


10 nov 2015

MES DA CIENCIA NAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS

Queremos achegarvos a esta nova celebración que se organiza dende as bibliotecas públicas de toda a nosa Comunidade Autónoma. Será este de novembro, un mes cheo de actividades ás que podedes asistir e nas que podedes participar. Amosámosvos o manifesto e máis a programación para este mes da CIENCIA NAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS!!



SAMAÍN

Queremos amosarvos o ben que o pasamos na celebración do Samaín!!! Disfrazámonos, decoramos os corredores coas terroríficas cabazas, elaboramos receitas de medo... Tamén estivemos a recitar unha serie de conxuros para conseguir diversos fins. Se queredes ver os conxuros accedede á páxina web do Rosalía.
Aquí deixámosvos unha pequena mostra de todo o demáis.

5 nov 2015

RECOMENDACIÓNS LECTORAS

O lapis de Rosalía de Antón Cortizas vén de ser editado de novo da man de Xerais na colección Merlín ,con ilustracións de David Sierra.
O novo lapis de Rosalía é imaxinativo, poético, optimista, mesmo desobediente...un lapis especial para nenas e nenos de seis anos, ós que non lle gusta escribir parvadas.

Trátase dun libro moi acaído para as lecturas compartidas entre pequenos e grandes, que seguro se divertirán coas situacións  que nos propón o autor.
Para nenos e nenas de seis anos ou máis...!

SORTEOS POLO MES DA BIBLIOTECA


O pasado xoves 29 de outubro celebramos o Samaín e tamén o último sorteo de agasallos para conmemorar o mes das Bibliotecas Escolares. Neste derradeiro día sorteamos a maleta dos bolechas e Cloe Parada Conde, de 1º B foi a agasallada!!! Felicidades Cloe!!!