5 feb 2013

A LECTURA NA AVALIACIÓN DIAGNÓSTICA

En datas recentes, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación  Universitaria fixo públicos os resultados da Avaliación Diagnóstica  correspondente ao curso 2011/2012 *Ó final da páxina do enlace podemos acceder a unha presentación, a diapositiva nº 15 reflexa a influencia da lectura nos resultados académicos* (probas realizadas a alumnado que cursaba  ese ano 4º de primaria e 2º de ESO). Aínda que non é nada novo para os  mediadores e as mediadoras de lectura, confirma que aquel alumnado que  dedica máis tempo diario a lectura é o que obtén mellores resultados na  área de competencia lingüística, sendo estas diferenzas moi acusadas no  alumnado de 2º de ESO.

Este dato avala as prácticas dos centros educativos que inclúen no seu  Proxecto Lector de Centro a "hora de ler", como un tempo diario, mínimo,  dedicado á lectura. E as avala, porque aínda que esta cuestión sexa  obrigatoria en ensino primario (30 minutos diarios dedicado á lectura),  dependendo de como se leve a cabo pode ser mesmo contraproducente.

Pero os centros que introducen a fórmula da "lectura silenciosa sostida" ou  outras fórmulas de lectura individual dun libro que se queira ler, sen ter  que responder a cuestionarios nin realizar actividades escritas (aínda que  se poidan comentar e mesmo avaliar perfectamente o alcance destas  lecturas), é dicir, cando introducen a lectura por pracer en horario  lectivo, están dando unha oportunidade aos nenos e nenas, aos mozos e  mozas, para poder dedicarlle un tempo a ese tipo de lectura, que non teñen  doado no resto do día (demasiado ruído, horarios e rutinas pouco favorables  á lectura nos ámbitos familiares de moitos deles). Así pois, organizar  unha "hora de ler" nos centros educativos é traballar pola competencia  lingüística do alumnado. Sempre o foi, pero cada día que pasa existen máis  argumentos a favor deste tipo de iniciativas.


Publicado por Asesoría Bibliotecas Escolares para Hora de ler el 1/28/2013  10:10:00 am




1 comentario:

Juan Sendino dijo...

Ola, déixovos esta ligazó cun vídeo no que se conta de primeira man (dunha nena de 5º)a experiencia das comunidades de aprendizaxe a relevancia da lectura http://youtu.be/F-2zOJ6-ni8