29 abr 2020

PROPOSTAS DA BIBLIOTECA PARA O MES DAS LETRAS GALEGAS

Ola nenos e nenas! Como estades? Espero que esteades ben de saúde todos vós e as vosas familias. Agora que podedes saír un  pouco da casa, seguro que vos sentides mellor. Dende o principio deste confinamento o Equipo de Biblioteca animouvos a ler todos os días uns minutos por pracer (media hora mínimo sería o ideal),  como un tempo de lecer. O mes de maio é o mes “Das Letras Galegas”. Este ano está dedicado a Ricardo Carvalho Calero. Déixovos un enlace sobre o autor: 
https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/dia-das-letras-galegas 
Para conmemorar este mes, queremos animarvos a que leades libros e contos  en galego. Ademais, tamén queremos propoñervos algunhas actividades:

• Lede, é moi importante, e este mes, especialmente, lede en galego. 
• Facede toda a familia un audioconto lendo un conto en galego.

Cada membro da familia pode ser unha personaxe do conto e ler a  parte que lle corresponda. Logo, enviade o audioconto ao correo do  colexio para subilo ao blogue da Biblioteca. 

• Escribide un pequeno relato en galego. Pode ser de calquera tema, de ficción, ou reflexando o que estás facendo neste tempo de confinamento e como te sentiches durante as semanas pasadas, ou como e te sentes agora.

Procura coidar a limpeza, a redacción e a ortografía. Podedes facelo a man ou no ordenador (preferible para o envío posterior). Cando o remates, envíao ao correo do centro. Aínda que non son actividades obrigatorias, gustaríanos moito que vos animarades participar. A lecto-escritura, a creación literaria, son competencias moi importantes para vós e deberiades practicalas a miúdo. Moitas grazas! 

Tamén vos deixo este enlace para unha obra de teatro de Mamá Cabra titulada
 “15 primaveras”, para que a vexades en familia. Espero que vos guste. 

Unha aperta enorme de parte de todos os “profes” do Equipo de Biblioteca.

No hay comentarios: