A Asociación Galega de Editores acordou o pasado 19 de febreiro conceder o Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no ámbito cultural e editorial ás Bibliotecas Escolares de Galicia, polo seu labor de apoio continuado ao libro e a lectura no ámbito escolar.
Este recoñecemento forma parte dos Premios da Edición do ano 2014 que serán entregados o próximo 13 de marzo, no transcurso dun acto no Pazo da Cultura de Pontevedra. Está previsto que sexa recollido polo Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, de mans da presidenta da AGE, Laura Rodríguez Herrera. O Conselleiro asistirá acompañado por outros integrantes do departamento da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, á fronte da cal está José Manuel Pinal Rodríguez, e polo equipo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, Xosé Luís Barreiro, Pilar Sampedro e Cristina Novoa.
A lectura e os libros na escola
"Froito do traballo realizado", explica Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares, "os libros, a lectura están presentes nos centros educativos galegos dunha forma moi significativa nestes últimos anos" . Todo elo é froito do traballo das comunidades educativas, do profesorado e do alumnado que poñen en pé bibliotecas escolares activas, con equipamento renovado e coleccións actualizadas, coa axuda da administración educativa. Novoa destaca que "foron postos en xogo moitos recursos materiais, tanto da administración autonómica como da administración central (a través de convenios entre o ano 2005 e 2011), pero foron os centros os que souberon aproveitar a ocasión e seguir as pautas da consellería a prol dun modelo de biblioteca como centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe". A asesora de bibliotecas subliña ademais que " é o profesorado que acude ás actividades de formación e que con moito esforzo persoal e un importante compromiso profesional e social, pon en marcha actividades e programas que fan das bibliotecas escolares galegas un referente a nivel estatal".
550 centros implicados en dez anos
A andaina da Asesoría de bibliotecas escolares comeza en setembro de 2003, facéndose un oco no portal educativo daquel tempo, cunha primeira páxina web, a difusión dun primeiro cartel sobre A Biblioteca, espazo educativo, a elaboración dunha CDU adaptada para as bibliotecas escolares entre outras actividades, e a colaboración coa rede de formación do profesorado no deseño e posta en marcha de actividades. No ano 2004 organizase como tal Asesoría de bibliotecas escolares, sendo a primeira actividade, unhas Xornadas de animación á lectura a través da oralidade: Do falar ao ler. Os orzamentos do ano 2005 recollen os primeiros 250.000 € para o primeiro Plan de mellora de bibliotecas escolares. A primeira convocatoria realízase en marzo do ano 2005 integrándose 40 centros no curso 2005/2006.
Durante estes 10 anos levaronse adiante numerosas iniciativas e proxectos, todos eles deseñados para implicar a escolares e docentes na animación lectora, conseguindo que 550 centros estean na actulidade integrados no programa. As Mochilas Viaxeiras é, seguramente, a iniciativa máis popular entre sos escolares, pola implicación das familias nese programa e o protagonismo que os propios nenos teñen na actividade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario