18 dic 2013

RECOMENDACIÓNS LECTORAS

Nun par de días ímonos de vacacións!!! Para que desfrutedes destes días de lecer recomendámosvos:



Os Bolechas fan unha banda é un libro disco, o primeiro de Os Bolechas. A editora Bolanda pon en marcha este proxecto, da man de Pepe Carreiro e a participación de de dez grupos galegos. Cada un deles achega un tema orixinal e, paso a paso, vanse tocando diferentes estilos con PandeiromusO Sonoro MaxínNovedades CarminhaAtaque EscampeSésTransilvaniansThe HomensEladio y los Seres Queridos,Álex Casanova e AID.
Bolanda, que se fixo cargo deste proxecto, desaparecida a A Nosa Terra (primeira editora da serie) tamén levou a esta popular familia de bonecos á TVG.


A última obra de Manuel O´Rivas para lectores autónomos leva ese título O raposo e a mestra. Semellaba que quedaban lonxe os contos de raposos, semellaba que as mestras non tiñan moita relación con estes animais ben coñecidos pola súa "raposería", pero nada é definitivo, aquí aparece unha historia de moza vexetariana que toca o piano e é quen de entenderse cun raposo fillo de lobo, que mira o solpor e enche os ollos de luz.
Un xogo cheo de relembranzas, de músicas de variadas culturas e de palabras que queren pillarnos de sorpresa para botar unha risadiña pequena pequena... de lado.
As ilustracións de Jacobo Fernández Serrano tamén queren desconcertarnos un chisco, presentándose en forma de viñetas, aínda que co seu estilo habitual.





De Pablo Díaz, publicado por Galaxia na colección Sonárbore, un novo disco, con ilustracións de Nuria Díaz.
Así o presenta a editorial:
Unha nova obra para achegar a música e a poesía aos máis pequenos e pequenas da casa.
Un mollo de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida os malos rollos e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais e todas esas cousas que nos axudan a facer un mundo mellor. Un disco pensado para toda a familia, e do que gozarán todas e todos, en especial os máis pequechos da casa, que non van parar de cantar e bailar.
E así aparece en Ulträqäns:
"Despois de editar o primeiro traballo "Tic Tac" aló polo 2009, non era sen tempo que chegara a segunda entrega, feita sen presa pero sen pausa como se facía o carbón de turgueira.
A banda composta por Carlos Freire á batería, Diego Barral á guitarra, Álex Fente ao acordeón e Antón ao baixo, dirixida polo xefe Pablo Díaz coa inestimável axuda de Olaga Kirk, volven á carga con 13 temas cheos de piratas con loros, ratos e gatos dialogantes, mazaricos con cabuxas, piollos e pulgas namoradeiras e garavanciñas ecoloxistas nunha orquestra zoolóxica metida no saco do noso amigo carboeiro.
Na banda tamén pasaron outros fenómenos como Sergio Delgado, Fran Amil, Santi Cribeiro, Roberto Grandal, Dani Cerqueiro, Juan Tinaquero ou Juan Naya... vamos que esto é o como o SuperDépor de Irureta, onde había polo menos 2 homes en cada posto!.
Se o primeiro disco xurdiu como unha suma de colaboracións (e que colaboracións! Carmen Rey, Xabier Díaz, Guillerme Fernández, Pedro Lamas... entre outros) que daban a cada tema un carácter diferenciado, o resultado do novo traballo é mais homoxéneo, dado que é o resultado de 4 anos de xiras da banda, facendo un son característico que ten como patrón o rock acústico con toques folk, pero sen deixar de facer chiscadelas ao mais tradicional ou até os ritmos mais "sabrosones" 
Tempo de música!


No hay comentarios: