Querido Donte:
Sabes que non son moi amigo das despedidas, aínda que asumo coa maior naturalidade posible que hai que facelas. No teu caso resúltame especialmente difícil pola gran amizade que fomos labrando co paso do tempo.
Lembro os comezos un tanto tímidos, de tanteo, nos que che custaba saír dos teus escondites da biblioteca. Ese primeiro curso non fixemos moitas cousas xuntos, se acaso un par de carteis para decorar a biblio, o marcapáxinas das mochilas viaxeiras e os trípticos -rudimentarios, iso si- para as guías de Nadal e fin de curso. Así a todo comprobaches que tiña ganas de facer algo pola biblioteca, que estaba un pouco vella e non incitaba moito a entrar nela. Aí apareceu Quico, que con moito empeño nos embarcou nun "Plan de Mellora", que a bo seguro nin el imaxinaba o que ía supoñer para todos.
Con algún que outro atranco e con moito traballo comezamos o segundo curso xuntos, especial porque naceu "O Blog de Donte". Mimá, como din aquí, ¡un blogue! Pasamos a facer crónica de todo o que acontecía na biblioteca: chismes, empréstitos, concursos, sorteos... E aínda que era un pouco precario, foi facéndose un nome.
Pasaron uns meses e chegaron bastantes cartos, ¿lembras a cara que puxeches cando Quico dixo que podiamos gastar en mobiliario, ordenadores e libros? Todavía foi máis simpática a que puxeches cando chegou o toleirán de Sergio cos mobles na furgoneta, a que se avecinaba... Esa Semana Santa quedará sempre no noso recordo, menudo traballiño pasamos Sergio, Olalla, Maria José e máis eu sacando as estanterías metálicas, limpando, pintando, montando mobles e colocando todo de novo. Valeu a pena, vaia se valeu, sobre todo cando vimos como brillaban os teus ollos ao ver o teu novo fogar. Nada volveu ser igual; cando Quico rematou de encher de libros as novas estanterías e volveron os nenos nos decatamos de que o cambio lle gustara a todo o mundo, bueno, a case todo.
Estes dous últimos cursos foron os da excelencia; melloramos o blogue ata facelo referencia, abandoamos os trípticos arcaicos e xa os fixemos con programas de deseño, mesmo nos fixemos unha canle en Youtube e unha almacenaxe de imaxes. Foron os cursos das exposicións, dos recursos didácticos (que bo traballo fixeron Lydia e Maria José), en fin, acercámonos ao que queriamos ser.
Agora os nosos camiños se separan e non sei quen botará máis de menos a quen, o caso é que teño que despedirme de ti e agradecerte todo o que aprendín xunto a ti. Quedas en boa compañía, sabes que Quico nunca te deixará so e seguro que ata alguén se anima a escribir no blogue, así que non te preocupes, o feito nunca cae en saco roto. Eu seguirei de preto os teus pasos, visitareite con frecuencia para aproveitar moitas das cousas que aquí hai, así que che digo "adeus", senon "ata pronto".
Unha aperta.
Manu.
2 comentarios:
Gracias por todos estos años de trabajo en la sombra, ojalá que alguien continúe con el blog
¡Qué bonita carta para despedirte! Suerte en tu nuevo colegio, seguro que estarán encantados contigo
Publicar un comentario